O Concello de Malpica agradece a devolución do «Praia Pallet» que desaparecera da praia das Torradas

1 minutes read

Desde a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Malpica, xunto con Surf and Clean, Aprende Através do Surfing e One Surf Academy, coa colaboración de Aspaber e o traballo das redeiras de Malpica, puxeron en marcha a mediados de abril un proxecto moi especial e moi orixinal para coidar das praias do municipio.

Tratouse duns caixóns de madeira de pallet elaborados por Aspaber e que quedaban instalados en Seaia, en Beo, As Torradas e Rías. Neles poderíanse deixar os plásticos ou lixo que o mar arrastra ata a area cando paseas pola praia, axudando a manter o litoral municipal máis limpo.

A mala nova foi que na pasada fin de semana desapareceron o da praia de Beo e o da praia das Torradas, aínda que este último foi devolto ao seu lugar de orixe. Desde o Concello de Malpica expresaban o seu máis sincero agradecemento á persoa ou persoas que tiveron o xesto de devolver o “Praia Pallet” da praia das Torradas, afirmando que actitudes coma esta amosan o compromiso e respecto polo entorno e polo ben común. Do mesmo xeito, aproveitaban para solicitar a colaboración cidadá para que o da praia de Beo, que foi retirado, poida ser devolto e colocado no seu lugar habitual, para o desfrute de todos e todas.