O Concello de Malpica denuncia un acto vandálico nun letreiro de Nadal

1 minutes read

O Concello de Malpica de Bergantiños denunciou publicamente un acto vandálico que causou danos significativos nun letreiro de Nadal situado na rotonda da AC-418.

O tenente alcalde de Malpica e concelleiro de Servizos e Turismo, Alfredo Cañizo, comunicou os feitos á Policía Local, que xa iniciou as investigacións necesarias para identificar á persoa ou persoas responsables.

Cañizo lamentou este acto vandálico, que cualificou de «incívico e lamentable». «É fundamental que todos coidemos do noso municipio e respectemos os bens públicos», sinalou.

O Concello de Malpica fai un chamamento á colaboración cidadá para que, se alguén ten información sobre os responsables deste acto vandálico, se poña en contacto coa Policía Local.