O Concello de Malpica «fará forza» para evitar o peche da oficina do Sabadell na vila

Banco Sabadell en Malpica_GOOGLE MAPS

  • O rexedor reunirase este mércores co director de relacións institucionais do Banco Sabadell

Este mércores o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, xunto co seu socio de goberno, Alfredo Cañizo, manterá unha xuntanza co director de relacións institucionais do Banco Sabadell, Ignacio Rodríguez, para abordar a «problemática da marcha da sucursal bancaria» da vila.

Os membros do goberno local farán «forza» para que dita sucursal continúe prestando os seus servizos a todos os veciños de Malpica que, por diferentes motivos, non terían a posibilidade de acudir a Ponteceso onde a entidade «ten previsto que se concentren nunha soa as demais oficinas do Sabadell que pretenden pechar», sinalan desde o consistorio. «Somos un concello con un gran potencial» explica o rexedor, polo que non «podemos permitir que cerren esta sucursal».