O Concello de Malpica licita a mellora da capa de rodadura de varias pistas na parroquia de Mens

1 minutes read

O Concello de Malpica de Bergantiños ten en marcha o procedemento de licitación do proxecto “Mellora da capa de rodadura de camiños en Mens”, unha actuación incluída no POS Adicional 2/2025 que permitirá mellorar o estado de varias pistas da parroquia e favorecer unhas condicións máis seguras e cómodas de circulación.

O proxecto conta cun orzamento de licitación de 49.040,85 euros, IVE incluído, e establece un prazo de execución de tres meses.

As obras previstas inclúen diferentes traballos destinados ao acondicionamento e mellora dos camiños. Entre eles atópanse a limpeza de cunetas, tubos e pasos de auga, así como o acondicionamento das marxes e o perfilado dos noiros.

Tamén se levarán a cabo actuacións de saneamento dos elementos existentes e a aplicación dunha nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, cun espesor de cinco centímetros, co obxectivo de mellorar as condicións do firme e prolongar a súa durabilidade.

O proxecto contempla igualmente a posta a cota das tapas de rexistro que sexa necesario, así como actuacións de sinalización horizontal e vertical para mellorar a seguridade viaria.

Desde o Concello destacan que esta intervención permitirá continuar avanzando na mellora e conservación da rede viaria municipal, dando resposta ás necesidades existentes nas parroquias e contribuíndo a mellorar as condicións de circulación para os veciños e usuarios das vías.