O Concello de Malpica organiza a IV Xuntanza dos Maiores o vindeiro 2 de maio

O encontro, dirixido á veciñanza de maior idade, terá lugar no Campo da Festa de Seaia a partir das 13:00 horas, nunha xornada pensada para fomentar a convivencia, o lecer e o recoñecemento ás persoas maiores do municipio.

O programa inclúe un xantar de confraternidade cun menú composto por empanada, polbo á feira, carne asada con patacas, sobremesa, café e bebidas. Ademais, a xornada estará amenizada con música en directo a cargo do Trío Rosel.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición no Centro Cívico de Malpica entre os días 20 e 24 de abril, en horario de mañá a partir das 9:30 horas, ou ata completar o aforo. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de chegada.

Para participar é preciso cumprir os seguintes requisitos: ser pensionista ou xubilado/a, ter máis de 55 anos e estar empadroado/a no Concello de Malpica de Bergantiños. O prezo da actividade é de 20 euros por persoa.

Dende o Concello animan a toda a veciñanza que cumpra cos requisitos a participar nesta xornada festiva, que busca reforzar os lazos sociais e poñer en valor o papel fundamental das persoas maiores na comunidade.

Related posts

Rescatados por surfeiros un pai e a súa filla logo de que a corrente os arrastrase na praia Area Maior de Malpica

Aspaber 50 anos: traxectoria, compromiso e futuro

Conclúe na Laracha a acción formativa de “Operacións de Caixa e reposición”, do Programa Integrado de Emprego