O Concello de Malpica organiza unha viaxe a Portugal do 16 ao 20 de abril


Dende o departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica informan da organización dunha viaxe a Portugal, do 16 ao 20 de abril, ambos inclusive. O prezo será de 395 euros por persoa, para cinco días e catro noites en habitación doble, en réxime de pensión completa. O prazo de inscrición estará aberto do 20 ao 31 de marzo, ou ata cubrir as prazas, que serán por rigorosa orde de inscrición. Para obter máis información ou realizar a inscrición os interesados poden dirixirse ao Departamento de Servizos sociais ou chamando ao teléfono 981 720 280.


O itinerario será o seguinte:


Domingo, 16 de abril:MALPICA-LEIRIA
Saída pola mañá, pequenas paradas en ruta. Chegada ao hotel, reparto de habitacións, comida. Tarde libre.
Luns, 17 de abril: NAZARÉ- FÁTIMA
Almorzo e saída para visitar Nazaré, poboación pesqueira por excelencia e outrora centro de peregrinación de Portugal, o seu Santuario, composto pola Igrexa de Nosa Señora de Nazaré a pequena Ermida, desde onde se poden apreciar excelentes vistas panorámicas, recibiu unha gran afluencia de peregrinación ata que foi desbancada por Fátima no 1917 cando se levantou alí a Capela das Aparicións. Nazaré tamén é famosa por ser berce de surfistas. Tempo libre e retorno ao hotel para a comida. Despois de comer achegaranse ao Santuario de Fátima, un dos máis importantes santuarios marianos do mundo. Retorno ao hotel, cea e aloxamento.
Martes, 18 de abril: LISBOA
Despois de almorzar no hotel saída cara a capital de Portugal, alí pasarán o día completo. Primeiro farán unha visita panorámica en autobús, despois percorrerán os sitios e barrios máis emblemáticos e de interese: Alfama, Mouraria, Barrio Alto, Belem ou o Parque das Nación. A última hora da tarde, retorno ao hotel para a cea e aloxamento.
Mércores,19 de abril: COIMBRA
Almorzo e saída cara Coimbra, cidade de orixe romana, foi un lugar estratéxico entre o norte cristián e o sur árabe. Cidade universitaria famosa polas súas rúas sinuosas e casas colgantes. Gozarán da súa Universidade (entrada incluída) e das rúas comerciais. Regreso ao hotel para o xantar e tarde libre. Cea e aloxamento.
Xoves, 20 de abril: AVEIRO- MALPICA
Almorzo e emprenderán camiño de regreso a Malpica. Parada en Aveiro, cidade coñecida como “A Venecia do Norte” polas súas canles e coloridos barcos chamados moliceiros. Comida en ruta, continuarán a viaxe de retorno e fin da viaxe.