O Concello de Malpica pon en marcha unha iniciativa para o coidado e conservación do litoral municipal

2 minutes read

O Concello de Malpica de Bergantiños, a través da Concellería de Medio Ambiente, pon en marcha o programa “Adopta unha praia”, unha iniciativa coa que pretende dar un paso máis no coidado e conservación do litoral municipal e avanzar cara a un modelo de participación cidadá activo durante os 365 días do ano.


O proxecto nace coa intención de ir máis alá das tradicionais campañas puntuais de limpeza e implicar á cidadanía no coñecemento, coidado e protección das praias de Malpica.


A iniciativa estará aberta á participación de asociacións, centros educativos, clubs deportivos, establecementos hostaleiros, empresas e outros colectivos, coa finalidade de crear unha rede de persoas e entidades comprometidas co litoral.
“Adopta unha praia” non supón en ningún caso que o Concello deixe de exercer as súas responsabilidades. Os servizos municipais continuarán desenvolvendo as súas competencias, atendendo as incidencias, coordinando as actuacións e facilitando materiais e asesoramento ás entidades participantes.


O que se crea é unha nova vía de colaboración coa sociedade, permitindo que cada praia poida contar cunha entidade ou colectivo que se implique activamente no seu coidado.


Accións ao longo de todo o ano


As entidades participantes no programa desenvolverán diferentes accións ao longo do ano, entre as que se inclúen:
● Dúas xornadas de limpeza da praia.
● Unha actividade educativa relacionada co litoral e o medio ambiente.
● Observación e identificación dos residuos retirados.
● Comunicación directa de incidencias ao Concello.
● Unha campaña anual de sensibilización.

Todas estas actuacións estarán acompañadas polo Concello, que prestará apoio e asesoramento para facilitar o desenvolvemento do programa.


Ademais, cada areal contará cun “Caderno da Praia”, no que se irán rexistrando as actuacións realizadas, as persoas participantes, os residuos retirados, as incidencias detectadas e as actividades desenvolvidas. Esta ferramenta permitirá obter información sobre a evolución de cada praia e coñecer mellor as necesidades do litoral municipal.


Desde a Concellería de Medio Ambiente destacan que o obxectivo é cambiar a maneira de relacionarnos coas praias: “Non queremos limitarnos a limpar as praias cando hai unha campaña. Queremos coñecelas, coidalas e protexelas durante todo o ano, e para iso precisamos da implicación de toda a sociedade”.


O programa pretende converterse así nunha ferramenta de participación cidadá, educación ambiental e sensibilización, reforzando o compromiso colectivo coa conservación dun dos principais valores naturais de Malpica.


Porque limpar unha praia é importante, pero conseguir que as persoas sintan que esa praia tamén é súa e que teñen un papel no seu coidado é aínda máis importante.


A filosofía do programa resúmese nunha mensaxe sinxela:
“Esta é a nosa praia e nós axudamos a coidala”.