O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira Noelia Freijeiro mantiveron unha reunión con José Manuel Merelles, director xeral da Axencia de Turismo de Galicia, na que abordaron diversas propostas do Concello de Malpica. Durante o encontro analizáronse distintas iniciativas orientadas á promoción turística do municipio, así como actuacións encamiñadas a poñer en valor os recursos naturais, culturais e patrimoniais da vila. Pola súa banda, José Manuel Merelles amosou unha boa disposición ante as propostas presentadas, acolléndoas favorablemente e comprometéndose a estudialas co obxectivo de avaliar a súa viabilidade e posible desenvolvemento futuro. Desde o Concello de Malpica valórase moi positivamente esta reunión, que supón un paso importante para continuar impulsando o turismo e o desenvolvemento local.