O Concello de Malpica incorporou ao seu patrimonio cultural unha valiosa colección artística grazas á doazón realizada pola familia de Theodor (Theo) Schücker, artista alemán que atopou en Malpica unha fonte de inspiración durante a súa estancia na vila no verán de 1966. A entrega oficial tivo lugar na Casa do Concello, onde o alcalde, Eduardo Parga, recibiu á familia do autor, entre eles á súa filla, quen formalizou a doazón dunha selección da coñecida como “Colección Malpica”.
Theodor Schücker (1906-1992), mestre de matemáticas, historia e belas artes, foi tamén un apaixonado da pintura, a fotografía e o gravado. A súa visita a Malpica marcou profundamente a súa traxectoria artística. A paisaxe costeira, a forza do mar, a vida mariñeira e, especialmente, a hospitalidade da veciñanza inspirárono para crear numerosas acuarelas, linogravados, gravados sobre madeira e fotografías que hoxe constitúen un extraordinario testemuño da Malpica de hai case seis décadas.
Durante o encontro, o alcalde agradeceu á familia a súa xenerosidade e o feito de escoller Malpica como destino definitivo deste legado artístico.
“Esta doazón supón unha enorme satisfacción para o noso municipio. Non só incorporamos unhas obras de gran valor artístico, senón tamén un legado que retrata unha parte da nosa historia recente desde a mirada dun artista que soubo apreciar e plasmar a esencia de Malpica. Quero agradecer á familia Schücker, e de maneira especial á súa filla, este xesto de cariño e confianza cara ao noso pobo”, destacou Eduardo Parga.
A denominada “Colección Malpica” pasa así a formar parte do patrimonio do Concello, contribuíndo á conservación da memoria histórica, cultural e etnográfica do municipio.
Co obxectivo de compartir este legado con toda a cidadanía, o Concello de Malpica xa traballa na organización dunha exposición pública, na que se exhibirá unha selección das obras do artista. A mostra permitirá que veciños, veciñas e visitantes descubran a visión que Theodor Schücker deixou de Malpica a través da súa sensibilidade artística, converténdose tamén nun novo atractivo cultural para o municipio.
Esta doazón constitúe un exemplo do profundo vínculo que Malpica é capaz de crear con quen a visita e confirma o valor da arte como ferramenta para conservar a memoria e proxectar a identidade dun pobo ao longo do tempo.