O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco, recibiron a José Manuel Pérez, quen fixo entrega ao Concello do distintivo SG CITY 50-50, un recoñecemento enmarcado no proxecto DIGECP que destaca o compromiso municipal coa igualdade de xénero. O distintivo acredita o traballo desenvolvido desde o ámbito local para integrar a perspectiva de xénero nas políticas públicas e promover a igualdade entre mulleres e homes. A concelleira de Igualdade, Marisol Blanco, sinalou que «é un orgullo contar cun distintivo coma este, xa que supón un recoñecemento ao traballo constante que se está a desenvolver no noso concello en prol da igualdade real entre mulleres e homes e da integración da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais». Pola súa parte, o alcalde Eduardo Parga afirmou que este recoñecemento confirma que as políticas de igualdade impulsadas polo Concello están a recibir valoración positiva e subliñou que «anima a seguir traballando con maior compromiso e dedicación nesta liña». Ambos coincidiron en que o distintivo reforza a aposta municipal pola igualdade de oportunidades, a inclusión e a construción dunha sociedade máis xusta para toda a veciñanza.