- O alcalde tamén solicita melloras na rede de saneamento, especialmente no núcleo de Beo
O Concello de Malpica solicitou, unha vez máis, a colaboración da Xunta de Galicia para mellorar a rede de infraestruturas do municipio. Unha das prioridades é actuar canto antes no apuntalamento da ponte da dársena, que na actualidade permanece pechada ó tráfico producindo graves consecuencias na economía local. “Moitas familias de Malpica dependen directa e indirectamente desta actuación, polo que instamos a Portos de Galicia a facer un esforzo e rematar a intervención o máis rápido posible”, destacou o rexedor, Walter Pardo, nunha reunión que mantivo co concelleiro de Benestar, Sergio García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Por outra banda, na xuntanza tamén se expuxeron algunhas das deficiencias que presenta a rede de saneamento, especialmente no núcleo de Beo, e que foron postas de manifesto no Plan Director presentado este mes. Outra das melloras propostas é a instalación dun tanque de tormentas próximo á EDAR de Malpica.
Máis prioridades: seguridade viaria nos colexios e melloras nas vías autonómicas
Entre as prioridades do Concello de Malpica tamén está asegurar as condicións de seguridade viaria na contorna do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño e do CEIP Milladoiro de Malpica. Unha das propostas pasa pola creación dun paso de peóns iluminado e dun sistema de semáforos para regular o acceso de vehículos nas horas de saída e entrada dos centros.
Tamén se contemplaron melloras en varias estradas e vías de servizo de titularidade autonómica coas que facilitar o tránsito de peóns e reducir a velocidade dos vehículos.