- A área recreativa de Ponte Constante é unha das zonas que se atopan en obras, xunto coa rúa Doutor Toba e un camiño en San Martiño
Na localidade de Muxía estanse acometendo varias obras de acondicionamento e rehabilitación de espazos, impulsadas desde o departamento de Obras, para lograr que o municipio goce dunha mellor accesibilidade, ademais de poder conservar espazos de gran valor natural e patrimonial, como é o caso da área recreativa de Ponte Constante. Neste lugar instalaranse novas cubertas de madeira, mesas de pedra e barbacoas.
O alcalde, Iago Toba, sinala que ‘estamos traballando agora mesmo en varios puntos de Muxía dun xeito paralelo, para ter unha marxe de acción máis ampla e poder cubrir as necesidades de moitos espazos en menos tempo’. O rexedor refírese con estas palabras ás actuacións que xa están en marcha na rúa Doutor Toba e na aldea de San Martiño.
No primeiro exemplo, estanse acondicionando as beirarrúas e remodelando a zona de aparcadoiros, elevando a 15 as prazas e deixando unha para persoas con mobilidade reducida. Tamén se instalarán elementos para estacionar bicicletas e favorecer o tránsito sustentable no municipio.
Noutra das intervencións rehabilitouse unha rampa de acceso na parroquia de San Martiño de Ozón, coa aplicación dunha capa de formigón e o acondicionamento das marxes de dito camiño. Darase continuidade a esta intervención coa mellora da vía que segue á rampa.