- O PP presentou unha enmenda, rexeitada polo restos de grupos, para restarlle máis de 50.000 euros a esta partida
O Concello de Muxía celebrou este mércores unha sesión extraordinaria do Pleno da corporación na que se aprobou a modificación
orzamentaria de 72.988,85 euros proposta polo goberno local, e que completa os orzamentos definitivos para o exercicio 2020. Esta aprobación foi posible grazas aos votos a favor do grupo de goberno, do BNG e dos concelleiros non adscritos. Os populares abstivéronse e, pola súa banda, presentaron unha enmenda para restarlle máis de 50.000 euros a esta partida, que foi rexeitada polo resto de grupos.
Os case 73.000 euros irán destinados a axudas, obras e servizos, como a adquisición dun brazo desbrozador por 10.100 euros; a reparación dos accesos a núcleos poboacionais por 17.700; 15.000 euros irán para o programa PEL Reactiva de axuda a pequenas empresas e autónomos; 1.500 euros para atención social primaria, nunha colaboración do concello con AFAFeS; 7.000 euros para gastos diversos; 5.000 euros para estudos e traballos técnicos de alcantarillado; 15.000 euros para a pavimentación en vías públicas e 1.688,85 euros para tratamento de residuos.
Na sesión tamén quedaron aprobados como festivos locais para o 2021 o luns de Pascua e o luns da Barca.
Mocións
O Partido Socialista de Muxía presentou un documento relativo ao sobrecuste dos gastos de limpeza e desinfección dos centros educativos para os Concellos, competencia da Xunta, co que reclama a cobertura dun servizo. Foi aprobada por todos os grupos excepto polo grupo popular, que votou en contra.
Pola súa parte, o Partido Popular presentou dúas mocións, relativas ao peche do ISM de Corcubión e á conciliación dos pais e nais de nenos con necesidades especiais, e ambas foron aprobadas por unanimidade.
O Bloque Nacionalista Galego presentou tamén dúas mocións relativas ao protocolo COVID-19 no ensino e ao peche do ISM de Corcubión. Esta última foi aprobada por unanimidade mentres que a primeira contou co apoio de todos os grupos excepto do PP, que votou en contra.
O alcalde, Iago Toba, amosouse ‘tremendamente satisfeito de que ao fin os orzamentos 2020 sexan unha realidade’, e anunciou que proximamente ‘se poderá ver moito movemento en Muxía no que respecta a melloras de bens e servizos’.