O Concello de Muxía asegura que os parámetros da auga municipal son normais

Cedida

  • Nos vindeiros días seguirán realizándose probas para un maior control tras o brote de gastroenterite na localidade

Non hai novidades con respecto á situación sanitaria en Muxía tras notificarse decenas de afectados por gastroenterite durante a pasada semana. Nun primeiro momento todo apuntaba á auga municipal como desencadeante desta enfermidade, pero desde o goberno local comunican que «non se sabe con certeza a orixe do incidente» se ben a auga da traída foi totalmente restablecida nas últimas horas «tras certificar que as análises cumplen cos parámetros normais de consumo». Uns resultados que proveñen da empresa especializada BIOCONTROL Y CALIDAD ALIMENTARIA SL, contratada polo Concello e autorizada pola Consellería de Sanidade, despois de que os primeiros exames realizados pola Administración local mostraran uns parámetros normais. «Nos vindeiros días seguiranse realizando análises completos das augas para un maior control post-brote», afirman desde o consistorio.

A pesar de non ter unha explicación clara ao sucedido, segundo o goberno local «a teoría que colle forza tras os resultados e os datos certificados obtidos é que no sistema de captación de auga (ETAP Os Muíños) se albergaron dous tipos de bacterias (Escherichia coli e Clostridium perfringens) dun posible vertido, que son causantes de molestias gástricas compatibles cos síntomas que moitos usuarios padeceron nestes días». Este feito, sumado a unha posible alteración do sistema de clorado que non deu contrarrestado a aparición de bacterias, puido ser o causante da grave situación.

Sen embargo, tamén se contempla a posibilidade de que existan dous focos paralelos xa que «non se pode asegurar que todos os casos de afectados sexan vinculados co sistema de abastecemento de auga». O foco maioritario estaría vinculado ao consumo de auga da rede municipal de orixe bacteriano; o outro, con menos casos, relacionaríase cun virus que afecta a diferentes poboacións da provincia da Coruña e que «nada ten que ver con esta problemática», sinalan desde o goberno local.

O rexedor, Iago Toba, asegurou que desde o Concello se traballou «en todo momento por solucionar o problema que as análises detectaron, coa maior celeridade e coa maior seguridade posible, activando os protocolos que existen para estos casos e informando a Consellería de Sanidade e a poboación muxiá en todo o momento e en tempo real».

O PP PIDE EXPLICACIÓNS E RECLAMA RESPONSABILIDADES

O Partido Popular de Muxía, a través da súa voceira, Sandra Vilela, pediulle explicacións ao goberno local tras confirmarse a presenza de bacterias coliformes na auga municipal posto que «estamos falando de decenas de muxiáns intoxicados e temos que saber que foi o que fallou, esta é unha situación gravísima». Vilela tamén reclama responsabilidades posto que non se sabe canto tempo levan bebendo auga contaminada nin onde «estivo o erro» para que esta auga chegara ás casas.

Os populares tamén destacaron a falta de previsión con respeto aos establecementos hostaleiros posto que no momento de confirmarse as bacterias procedeuse a cortar a auga de forma inminente e habendo escasez de auga embotellada nos supermercados. «cortan a auga sen dar unha alternativa de forma inminente». «Como se pode deixar a hoteis, pensións ou albergues sen auga en media hora, sabendo que facía días que esto se vía vir? Se non tes auga na casa , de onde a sacas? Como se van asear os nosos maiores ou as persoas enfermas?», preguntan desde o PP.