- O goberno local xa ten lista a súa proposta, que levará ao pleno a vindeira semana
O Concello de Muxía asumirá os gastos de traslado daqueles veciños que, tendo que acudir ao centro sanitario a vacinarse, non poden desprazarse polos seus medios ao non contar coa suficiente autonomía ou non dispoñer dun medio de transporte propio.
O goberno local xa ten lista a súa proposta, que levará ao pleno a vindeira semana, para investir os 157.000 euros dos fondos sociais que recibirán do POS+2021 por parte da Deputación da Coruña.
Desde o equipo de goberno buscarase que este servizo se leve a cabo de xeito individual e que o realicen os taxis de Muxía, os cales son desinfectados por parte do Concello periodicamente.
Ademais de asumir os gastos de transporte dos veciños e veciñas que o precisen, o Concello quere aumentar a partida do Servizo de Axuda no Fogar “tan necesario nestes tempos de pandemia”, sinalan desde o Concello.