O Concello de Muxía inicia a licitación da nova escola infantil


Un proxecto que conta cun orzamento de 120.000 euros e que permitirá rehabilitar unha parte do edificio ‘Multiusos A Camposa’ para transformalo na nova instalación, que despois pasará a formar parte da rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Así, o Concello porá a disposición do Consorcio o novo local e o financiamento para levar a cabo as obras de rehabilitación mentres que o ente autonómico incorporará a escola infantil á súa rede de centros e encargarase de dotala de persoal e equipamentos.

A nova escola infantil contaría con dúas salas, baños adaptados, vestiarios para o persoal, oficinas, zona de catering, espazos de lavandería, zona de entrada e almacén de carros, zona exterior de xogos e descanso e incluso espazo cuberto de xogo e actividades.

“Este é un dos logros máis pelexados polo actual goberno local que dá así o primeiro paso para a súa execución, despois de múltiples reunións, de encontros co Consorcio e incluso despois de superar moitos obstáculos, como o rexeitamento plenario nunha das ocasións por parte da oposición”, explica o alcalde de Muxía, Iago Toba.

O rexedor incidiu en que “este novo espazo significará un antes e un despois xa que pasaremos de ter unhas instalacións cualificadas como das peores a poder desfrutar dun inmoble totalmente novo e espacioso” e amosouse “contento polo conseguido e sobre todo por ver contentos aos meus veciños e veciñas xa que é unha demanda deles de hai moitos anos e agora, da nada, demos conseguido sacala adiante. É unha das maiores satisfaccións desde que son alcalde de Muxía”.

Pola súa parte, a concelleira Olalla Benlloch incidiu en que “non só é unha instalación que beneficia aos pais e nais dos usuarios, senón que é un motivo de orgullo para toda a sociedade muxiá, que vemos como recibiron a nova con gran entusiasmo”.