- Visita Muxía é unha programación organizada polo Executivo local para dar a coñecer a riqueza do municipio
O Concello de Muxía presentou este mércores Visita Muxía, unha programación de rutas guiadas que pretende poñer en valor o territorio de todo o municipio de cara ao mes de setembro, con visitas a enclaves históricos, paisaxes espectaculares e cheas de historia, e tamén unha inmersión nun oficio de suma importancia para o Concello, como é o encaixe.
Aínda que os roteiros están pensados para o mes de setembro, o programa completo quedará inaugurado este sábado, 29 de agosto, con «A riqueza de Moraime». A partir das 18:00 horas, os asistentes poderán explorar, da man de Xan Fernández Carrera, os segredos e a riqueza dun enclave histórico como é San Xiao de Moraime, declarado Ben de Interese Cultural. Ao remate do mesmo haberá un concerto do grupo Lulavai, coas arpas como protagonistas.
Para esta serie de visitas guiadas o aforo máximo será de 25 persoas a cubrir por estrita orde de inscrición, e en todo momento se manterán os protocolos hixiénicos e sanitarios contra a COVID-19. Para formalizar as inscricións haberá que enviar un correo electrónico ao enderezo turismoconcellodemuxia@gmail.com ou chamar ao teléfono 981 74 23 65.
Ao acto de presentación de Visita Muxía acudiron o alcalde, Iago Toba; os tenentes de alcalde, Javier Romar e Olalla Benlloch, así como o persoal que integra a área de Turismo do Concello de Muxía.
