- O Concello organiza a iniciativa «Cubramos Muxía de forza», que consiste en colgar mensaxes positivas nas ventás o domingo ás 12:00 horas
O alcalde de Muxía, Iago Toba, explicou nun comunicado que desde o Concello poñerán en marcha un novo servizo de atención por correo electrónico (intervencion@muxia.es) onde a interventora do municipio resolverá todas as dúbidas relacionadas con facturas, pago a proveedores, impostos e taxas municipais.
Ademais, o rexedor sinalou que este martes mantivo unha reunión cos responsables de Protección Civil e Policía Local para «anticiparnos ás posibles emerxencias que poidan xurdir e ter totalmente coordinado todo o personal para que así se traballe con previsión, que é a mellor maneira de que saian as cousas ben». O alcalde destacou que os traballadores destas organizacións seguen traballando con normalidade ante calquera incidente, como o afundimento no porto dunha pequena embarcación.
Toba tamén convocou á veciñanza de Muxía á participar na iniciativa «Cubramos Muxía de forza», para agradecer a todo o pobo o esforzo que fai, «tanto aos que teñen que seguir traballando para que non nos falte de nada, como aos que teñen que quedar na casa cos prexuízos que iso conleva como a todas e todos os que o están a pasar mal polas circunstancias».
Esta proposta consiste en que as persoas confinadas nas súas casas preparen pancartas e carteis con mensaxes positivas e un arco iris como elemento común para poder colgalas nas ventás e balcóns o próximo domingo ás 12:00 horas.
O Concello seguirá realizando cada domingo ás 20:00 horas un percorrido simbólico polo municipio cos vehículos de emerxencias para animar á poboación.