O Concello de Muxía solicita unha subvención para mellorar a biblioteca municipal

1 minutes read

O obxectivo desta actuación é acadar unha mellora na instalación a través de arranxos na cuberta e a substitución dos lucernarios.

Dentro desa mesma subvención, o Goberno local solicita a mellora da rede de wifi existente, a adquisición de mobiliario para a creación de novos espazos e novo material informático para a utilización tanto das persoas usuarias como dos traballadores.

Segundo indica o alcalde de Muxía, Iago Toba, “na actualidade contamos cunha das bibliotecas con máis encanto da contorna, instalada nun edificio histórico que a fai única, e queremos mellorala para darlle solución a problemas de filtracións de auga”.

Segundo apunta a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, “a idea é dinamizar un pouco máis a biblioteca, agora que incorporamos unha nova persoa traballadora ao plantel e que deste xeito a instalación está aberta ao longo dos 365 días do ano, polo que estas melloras beneficiarían o noso obxectivo”, conclúe.