O Concello de Muxía mantivo un produtivo encontro con Costas de Galicia. O alcalde, Iago Toba, e a tenenta de alcalde, Olalla Benlloch, desenvolveron unha reunión a pé de rúa con Carlos Gil, xefe da institución autonómica, que tamén estivo representada por un equipo liderado por Ricardo Babío. Na charla, o rexedor e a edila puxeron sobre a mesa varias cuestións importantes para Muxía nas que é fundamental o papel de Costas.
Por unha banda, o executivo local pactou unha serie de intervencións para atallar a problemática das dunas sobre a estrada na Cruz. A presenza habitual de area no firme fai perigoso o paso. Tras o traslado da problemática por parte do alcalde, Costas comprometeuse a atallar o problema. Para comezar, cunha retirada da area. E para seguir, con intervencións que fagan que a problemática mellore e que, no caso de producirse a invasión de area, se poida desenvolver unha rápida actuación por parte de Costas.
A praia da Cruz foi protagonista tamén noutra das solicitudes do Concello de Muxía, que pediu a instalación de varandas, o arranxo da escaleira do segundo acceso e a construción dunha rampla para persoas con mobilidade reducida e carriños.
A maiores, o goberno local tamén trasladou a necesidade de actuar no paseo de madeira a Espiñeirido e tamén o da contorna da praia do Lago. Para estas dúas cuestións abriuse unha mesa de traballo entre Concello e Costas, que será a encargada de planificar as intervencións en tempo e forma. De feito, ambas as dúas institucións acordaron ter xa a primeira reunión dentro de dúas semanas.
“Este primeiro encontro é un paso importante para que Muxía poida ter necesarias melloras en infraestruturas dependentes de Costas. Desde o executivo municipal conseguimos importantes pactos para comezar a concretar estas actuacións grazas tamén á boa predisposición dos nosos interlocutores. É de agradecer a boa sintonía entre as administracións”, comentou o alcalde, Iago Toba, ao fin da reunión.