O Concello de Outes asina un convenio coa Xunta para a mellora do sistema de saneamento


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou telematicamente co alcalde de Outes, Manuel González, un convenio de colaboración para impulsar a mellora do sistema de saneamento, que suporá un investimento conxunto de máis de 325.000 euros.

A Xunta achegará un investimento que supera 108.000 euros ás obras para adaptar a depuradora municipal ás necesidades do municipio, xa que a densidade da súa poboación urbana ve superada en máis dun 20% a súa capacidade de tratamento de augas residuais.

O Concello asumirá o financiamento restante e a execución das obras para acadar a mellora do funcionamento da estación depuradora, así como a súa explotación, conservación e mantemento.

As actuacións teñen como obxectivo recuperar o estado orixinal de funcionamento da depuradora de Outes, a través das obras necesarias para a mellora da calidade do efluente, reducir os custos de explotación e incrementar a eficiencia de funcionamento da instalación.

Os traballos contarán cun prazo de execución de 2 meses e centraranse no interior da edificación existente. Consistirán na mellora completa do tratamento da auga e dos seus equipos, ademais do acondicionamento da instalación.