O Concello de Ponteceso fará realidade o acondicionamento da pista de Brantuas

Trátase dunha demanda histórica dos veciños e veciñas de Brantuas: o arranxo da pista que conecta a zona de Brantuas de arriba e Brantuas de abaixo. Os traballos, que comezaron nos últimos días, contan cun investimento aproximado de 100.000 euros e permitirán mellorar significativamente o estado actual do camiño, favorecendo a mobilidade e a seguridade na zona.

O alcalde, José Manuel Mato, destacou que esta actuación “permitirá mellorar a conectividade entre ambos núcleos, dando resposta a unha petición histórica dos residentes”. Así mesmo, explicou que o goberno local tiña previsto iniciar as obras con anterioridade, pero as condicións climatolóxicas obrigaron a aprazar o seu comezo.

O proxecto contempla a ampliación da sección da vía e a mellora da súa plataforma. Para iso, realizaranse tarefas de roza e limpeza da vexetación, a escarificación completa do firme, a aplicación de dúas capas de pavimentación e a execución de cunetas de zahorra en ambas marxes do camiño.

Con estas actuacións, o goberno local volve reafirmar o seu compromiso por mellorar a rede de estradas e caminos reforzando as condicións de seguridade viaria.

Related posts

O Concello de Ponteceso completa a reforma dos camiños de Tella e reforza a protección do polígono fronte aos incendios

O BNG levará a loita contra a macroplanta de biogás de A Laracha a todos os concellos do Anllóns

O PSdeG acusa ao PP e ao goberno galego de “poñerlle alfombra vermella” á planta de biogás de Soandres