O Concello de Ponteceso mellorará as infraestruturas viarias do polígono industrial de Tella

1 minutes read

O Concello de Ponteceso continúa avanzando na mellora e dinamización do polígono industrial de Tella co obxectivo de ofrecer mellores servizos e infraestruturas ás empresas instaladas nel e favorecer a actividade económica e o desenvolvemento do tecido empresarial do municipio.

O Concello vén de acadar unha achega da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial por importe de 91.375 euros, que permitirá actuar sobre o sistema viario e as beirarrúas, así como corrixir deficiencias na rede de pluviais do parque empresarial.

O alcalde, José Manuel Mato, mantivo reunións coa Consellería de Industria para analizar a situación do polígono e coñecer as diferentes liñas de axuda destinadas á mellora dos parques empresariais. A convocatoria na que se enmarca esta achega ten como finalidade financiar actuacións de mellora, acondicionamento e dotación de infraestruturas nestes espazos.

Segundo explicou Mato, este investimento permitirá dar resposta a problemas do parque industrial que levaban anos pendentes de solución. “Para nós é unha prioridade potenciar este espazo industrial, mellorar as condicións das empresas que xa desenvolven aquí a súa actividade e, ao mesmo tempo, facer do polígono un lugar máis atractivo para a implantación de novas iniciativas que contribúan a fortalecer o noso tecido produtivo”, sinalou.

O alcalde agradeceu tamén a comprensión das empresas instaladas no polígono, que levaban anos agardando por estas actuacións, e incidiu en que “apoiar e dinamizar o tecido empresarial é unha das prioridades do Goberno local”.

Esta intervención súmase á mellora da infraestrutura eléctrica que se está a executar actualmente no mesmo parque industrial e que se atopa xa nunha fase moi avanzada. Está previsto que estes traballos rematen nas vindeiras semanas, completando así unha nova actuación destinada á modernización das infraestruturas do polígono industrial de Tella.