A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, explicou nunha resposta oral no Pleno do Parlamento de Galicia que o Concello de Ponteceso non solicitou acollerse ao novo Plan de investimentos que ten en marcha a Xunta para a construción, renovación ou ampliación de equipamentos sociais dirixidos aos maiores e xestionados polos municipios. Fabiola García apuntou que de ter presentado unha proposta para unha nova residencia podería beneficiarse dunha axuda de ata 1,2 millóns de euros para construíla.
A conselleira defendeu o compromiso do Executivo autonómico cos veciños de máis idade que viven neste municipio da Costa da Morte, poñendo á súa disposición recursos de proximidade que lles fan a vida máis doada tanto a eles como ás súas familias. Entre estes destacou o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) —que é de competencia municipal segundo a lei de servizos sociais— e ao que a Xunta destina 340.000 euros ao ano para que os maiores reciban coidados profesionais nas súas casas; ou a posta en marcha dunha casa do maior, onde reciben atención diúrna gratuíta oito horas diarias de luns a venres.
Tamén sinalou o programa de Coidados porta a porta, que volverá o vindeiro mes de abril a Ponteceso ofrecendo de novo servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación gratuíta sen custe algún para os veciños; ou o Xantar na casa, co que se levan menús para toda a semana aos domicilios dos maiores da localidade que viven sós.