O Concello de Ponteceso presentou a 6ª edición da Carreira Popular Faro Roncundo, unha cita deportiva xa consolidada no calendario atlético da comarca, que se celebrará o vindeiro 13 de xuño a partir das 18:45 horas na Praza da Ribeira, en Corme-Porto.
No acto de presentación participaron o alcalde, José Manuel Mato, e a concelleira de Deportes, Raquel Fondo, destacando a importancia desta proba para a promoción do deporte e do territorio. A carreira forma parte do XII Circuíto de carreiras da Deputación da Coruña, reunindo cada ano a persoas deportistas de diferentes idades. As inscricións poderán realizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata o 10 de xuño ás 23:59 horas.
A competición desenvolverase en sete categorías adaptadas ás distintas idades das persoas participantes. Así, as probas Sub 18 e Sub 16 darán comezo ás 18:45 horas cun percorrido de 2.000 metros. A continuación, ás 19:00 horas, será a quenda das categorías Sub 14 e Sub 12, que percorrerán 1.000 metros. Ás 19:10 horas competirán as persoas participantes da categoría Sub 10, cun trazado de 500 metros, mentres que ás 19:15 horas sairán os Sub 8, que completarán un percorrido de 200 metros.
Finalmente, a carreira absoluta disputarase a partir das 19:30 horas, cun percorrido de 6,2 quilómetros, nun trazado que destaca pola súa beleza paisaxística e proximidade ao Faro Roncudo.