Ribeira mellorará a súa seguridade vial de man da Deputación


A Deputación da Coruña realizará melloras e incrementará a seguridade viaria en diversas estradas do municipio. Dentro destas inclúese a ampliación dunha vía provincial en Carreira que conta cunha curva de 90º pola que discorren vehículos pesados e na que apenas hai espazo para que se crucen dous vehículos de gran envergadura, non sendo a primeira vez que dous camións de gran porte quedan atrapados. Así llo trasladou o presidente provincial, Valentín González Formoso, ao alcalde da localidade, Manuel Ruíz Rivas, nunha visita institucional realizada ao concello acompañado polos deputados provinciais José Manuel Pequeño e Sandra González. Outra das cuestións que ambos dirixentes trataron foi a situación na que se atopa o novo auditorio que se vai construír no municipio. Un proxecto para o que a Deputación xa ofreceu tamén o seu apoio económico co obxectivo de impulsar a configuración deste novo e importante espazo cultural e de reunión para a veciñanza.