O Concello de Santiago destina 620.000 euros a bolsas de comedor e compra de material escolar

Sede Servizos Sociais_Concello de Santiago
  • Esta partida tamén inclúe as actividades extraescolares e, de ser necesario, poderá aumentarse

A Xunta de Goberno Local aprobou a convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (2º ciclo) e de educación primaria obrigatoria para o curso 2020/2021. A convocatoria publicarase en breve no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Tal como apuntou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a esta convocatoria destínanse 620.000 euros, se ben dixo que esta contía podería ampliarse no caso de non cubrir todas as necesidades coa partida inicial. Estas bolsas están destinadas a unidades familiares e de convivencia que, por escaseza de recursos económicos, teñen dificultades ou non poden facer fronte aos gastos relacionados coa escolarización de menores que teñen ao seu cargo.

Hai tres tipos de bolsas: as de comedor, cun máximo de 90 euros ao mes; as destinadas á realización de actividades extraescolares, ata un máximo de 30 euros ao mes; e as bolsas para adquisición de material escolar, cun máximo de 60 euros a través dun pago único. A estas modalidades hai que sumar unha máis, a das bolsas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.