- Están pendentes da autorización autonómica os novos horarios de peche dos locais hostaleiros
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo este martes unha xuntanza con responsables da Asociación Hostelería Compostela na que se trataron temas como os horarios, e as terrazas e exencións fiscais.
Sobre a taxa de terrazas, o alcalde lembrou que este ano se recortou en «99 días», os que estivo vixente o estado de alarma, e que estudará a súa suspensión para o 2021. Unha decisión, indicou, que se tomará previsiblemente este mes de outubro e que «imos levar a pleno», órgano que ten as competencias para aprobala.
Ademais, os hostaleiros solicitaban poder abrir ata as 01:00 horas da madrugada pola semana, e ata as 02:00 horas as fins de semana, horario que se ampliaría ás 02:30 no verán. A proposta do Concello coa que se chegou a consenso, sempre que o autorice o goberno autonómico, é de luns a xoves, ata as 00:30 horas da madrugada; e venres, sábados e vésperas de festivos, ata as 01:30 horas.
En relación ás terrazas, Sánchez Bugallo confirma que xa se están ampliando espazos «para evitar que a reducción de aforos e as distancias que se deben manter» teñan unha repercusión «excesivamente negativa no sector». O rexedor destacou que se habilitarán as medidas para que esas terrazas «sexan operativas no inverno», malia que o maior problema «é o frío e a auga».
No encontro tamén estiveron presentes os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón; de Turismo, Sindo Guinarte; de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e de Economía, Marta Abal. Pola Asociación Hostalería Compostela asistiron a súa presidenta, Sara Santos, así como Ramón García Seara, David Dopazo, Lois Lopes e Sergio Fernández.