O concello de Santiago habilitará este venres o teléfono gratuito 010 para centralizar as demandas de atención social

Xosé Sánchez Bugallo_ Fonte: santiagodecompostela.gal
  • Na Xunta de Goberno Local tamén tramitaron, por vía de emerxencia, a contratación de servizo de comedor

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que o concello habilitará este venres o número telefónico 010, para que calquera persoa que non poida saír á rúa o comunique e así “se centralicen as demandas de atención social”.

Este teléfono, que estará habilitado de 8:00 h. a 20:00 h., será atendido inicialmente por voluntariado de Protección Civil, e prestará especial atención ás persoas que viven soas e ás que teñen unha idade avanzada ou mobilidade reducida, coa finalidade de minimizar os riscos derivados da alerta sanitaria orixinada pola crise do coronavirus, e combater o illamento. Trátase dun servizo gratuito xestionado polo Concello de Santiago de Compostela.

Na Xunta de Goberno Local de carácter extraordinario que se celebrou este mércores, tamén se acordou a eliminación da ORA en tres zonas: campus Sur, avenida de Ferrol e Pontepedriña; e tratáronse outros asuntos de carácter importante.

SERVIZO DE COMEDOR
Tramitarase, por vía de emerxencia, a contratación do servizo de comedor escolar. O contrato, por 33.000 euros ao mes, permitirá subministrar 200 menús a menores usuarios das bolsas de comedor. En principio asínase por un mes, pero pode ser prorrogado en función da evolución da crise.

OUTROS ACORDOS
O rexedor tamén deu conta da aprobación duns protocolos de actuación por parte das empresas que prestan servizos ao concello co fin de garantir a salubridade pública e o funcionamento dos servizos imprescindibles e esenciais na cidade como consencuencia da pandemia provocada polo COVID19.

O alcalde explicou que se producirá un reaxuste no transporte urbano que se traducirá nunha redución nas liñas e frecuencias dun 48%; debido ao descenso no número de usuarios, que o luns se situou nun 88% e onte martes, no 90%. Mantéñense, engadiu Sánchez Bugallo, “os servizos relacionados con hospitais” e priorízanse as conexións de todas as liñas. Este reaxuste irase revisando en funcións da situación e das necesidades detectadas.

O rexedor tamén anunciou un contrato de emerxencia para a limpeza e desinfección de instalacións municipais, cun custe de 100.000 euros mensuais (IVE incluído).