O Concello de Santiago inicia a contratación do alumeado de Nadal para 2021 e 2022


A Xunta de Goberno, reunida en sesión extraordinaria, deu luz verde ao expediente da iluminación de Nadal para os anos 2021 e 2022 e abriu o procedemento de contratación cun orzamento de licitación total de preto de 500.000 euros.
O executivo local aprobou o expediente denominado “subministración, instalación, posta en funcionamento, mantemento e posterior retirada, en réxime de aluguer, dos elementos decorativos de alumeado do Nadal 2021 e 2022”, e a apertura do procedemento de adxudicación, que se realizará mediante procedemento aberto simplificado, cun tipo de licitación de 413.126,70 euros, IVE aparte. O IVE correspondente (21% da cantidade anterior) ascende a 86.756,61 euros, o que supón un importe total de 499.883,3 euros.

A iluminación estará en funcionamento do xoves 2 de decembro de 2021 ata o mércores 6 de xaneiro de 2022, ambos inclusive, e do 1 de decembro de 2022 ao 6 de xaneiro de 2023, de acordo co seguinte horario de acendido: desde as 18:00 h ata as 2:00 h e de 7:00 a 9:00, agás os días 24, 25 e 31 de decembro de 2021 e 2022 e o 5 de xaneiro de 2022 e 2023, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18:00 h. ata as 9:00 h.