O Concello de Santiago recorrerá ante o Supremo a sentenza sobre as estatuas do Mestre Mateo

1 minutes read
  • Desde o concello interpoñerán un recurso de casación xa que entenden que as estatuas son un ben público

O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, tras falar co director da asesoría xurídica, Manuel Cutrín, e o avogado que está a representar ao Concello de Santiago neste proceso, Xaquín Monteagudo, recorrerá a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid sobre as estatuas do Meste Mateo, favorable ós Franco. A entidade municipal interpoñerá antes do 20 de xaneiro, data na que remata o prazo, un recurso de casación ante o Tribunal Supremo ao considerar que hai «causa e caso».

O rexedor compostelán puxo de manifesto a completa discrepancia coa argumentación da Audiencia Provincial de Madrid na que non se considera probado que as estatuas que reclama o Concello e as que ten a familia Franco sexan as mesmas. «Sorprendente», en verbas de Sánchez Bugallo, «porque a propia familia en ningún momento o pon en cuestión, é máis, recoñéceno expresamente». Segundo o rexedor «houbo un proceso de apropiación ilexítimo e ilegal desas esculturas e un proceso posterior de blanqueamento da apropiación destes bens», dos que si se acreditou que foron adquiridos polo Concello en 1948 por 60.000 pesetas.

Bugallo quixo agradecer especialmente a Xaquín Monteagudo o traballo realizado xa que permitiu atopar este e outros datos que indican que estamos ante «un ben público que ten que estar á disposición do público».

«A nosa obriga ética e moral é defender o que é patrimonio de todos os cidadáns e cidadás de Compostela e, ademáis, patrimonio da Humanidade». Polo tanto, procederase a interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo xa que «entendemos que a resolución da Audiencia Provincial de Madrid é lesiva para o interese público».