O Concello de Santiago, a través do seu alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, deu o seu apoio á petición da Confederación de Empresarios da Coruña para que o Camiño Inglés sexa declarado Patrimonio Mundial da Unesco, proposta impulsada por acordo dos órganos directivos da CEC. Foi no transcurso dun encontro que o presidente da Confederación, Antonio Fontenla, mantivo este mércores co rexedor compostelán. Con este novo apoio, a CEC logrou xa o respaldo dos municipios nos que comeza e termina esta ruta de peregrinación, que conta cunha vía alternativa que se inicia na Coruña e outra en Ferrol. Ademais destes concellos, a Confederación sumou anteriormente tamén o apoio da Deputación da Coruña, a Mesa de Traballo dos Camiños Inglés, Fisterra-Muxía e a Academia Xacobea.