Abel Caballero explicou que o Concello trata de “dar resposta ás 250 demandas cidadás para poñer luces de Nadal nas súas rúas. Xa temos 360 e cada ano imos cubrindo algunhas rúas máis, por exemplo, en espazos que acabamos de humanizar como a Ronda de don Bosco”. Así, explica, o goberno municipal continúa coa extensión cara algunhas rúas pero “nalgún momento temos que parar. Estou pensando en rotar porque non é posible iluminar as 1.750 rúas da cidade”. Apuntou que tamén se están iluminando os núcleos centrais de tódalas parroquias.
Así, as rúas que verán ampliada a iluminación decorativa no Nadal son: García Barbón, Colón, Vitoria, Paseo Alfonso XII, Churruca, Cervantes, Rogelio Abalde, Gran Vía, Alfonso XIII, Eduardo Chao, Areal, Joaquín Yáñez, Pontevedra, Rosalía de Castro, Méndez Núñez, Fermín Penzol, Policarpo Sanz, Inés Pérez de Ceta, cruce de Peniche, Praza Ronda don Bosco, Barrio O Rocío en Coia e a Praza do centro comercial Coia 4.
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a proposta de adxudicación da contratación do servizo de megafonía en varias rúas de Vigo dentro da programación de Nadal 2021-2022, 2022-2023 e 2023-2024 por un importe de 39.000 euros anuais e para un “uso primordial”, tal e como explicou o rexedor, xa que servirá para ofrecer información de servizo á cidadanía.
Amais, a megafonía servirá para emitir panxoliñas de Nadal durante unha hora diaria no período navideño, pendente aínda de concretar. Con todo, o servizo estará dispoñible nunha franxa horaria máis ampla con persoal operativo para poder dar mensaxes de emerxencia, relacionados co plan de tráfico ou o peche de rúas.
