O Concello de Vigo convoca para o 6 de febreiro a primeira proba das oposicións a bombeiro

1 minutes read

Abel Caballero informou da presentación de 419 solicitudes, das que 19 son de mulleres. O alcalde recordou que, por primeira vez, os requisitos das probas físicas de acceso foron adaptados para facilitar a súa incorporación. O Boletín Oficial da Provincia recolle que 38 das candidaturas están excluídas de forma provisional, xa que se abre un prazo de dez días hábiles para corrixir erros. O Concello cita aos opositores o próximo 6 de febreiro ás 17 horas no recinto feiral de Cotogrande, unha convocatoria xa formalizada mais, aclarou o alcalde, condicionada pola pandemia e a validación dos pertinentes protocolos Covid. As vacantes forman parte da Oferta de Emprego Público aprobada polo Concello de Vigo correspondente aos anos 2017, 2018 e 2019, na que o goberno dirixido por Caballero primou o reforzo das áreas de seguridade.