O Concello de Vigo estudará de forma “exhaustiva” as alegacións presentadas ao PXOM


A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou que este é un proceso de participación cidadá “importante” que tratou de facilitarse co novo formato telemático e coa ampliación nun mes do prazo regrado de presentación das alegacións. Amais, o Concello mantivo encontros con 23 asociacións veciñais para explicar o documento, cubrindo todo o termo municipal. Logo de tres meses de exposición pública, o documento entra na fase de estudo das alegacións presentadas, das que un 38% se realizaron de forma presencial e un 61,2% de forma telemática. Para o rexedor, Abel Caballero, o plan “vai mellorar substancialmente a situación global da cidade en aspectos como o acceso á vivenda a prezos razoables e accesibles”.

A Xerencia de Urbanismo recibiu 4.445 alegacións ao documento, o 38% (1,728) presentadas de forma presencial no rexistro habilitado no Auditorio Mar de Vigo e 2.717, presentadas telematicamente, o que supón o 61,2% do total. A edil de Urbanismo sinalou que o Concello vai facer co equipo redactor un “traballo exhaustivo” de análise e estudo das alegacións presentadas “coa mellor vontade de incorporar todas aquelas cuestións que poidan ser incorporadas” no documento e “contestaremos individualizadamente a tódalas cuestións propostas”, matizou.