O Concello de Vigo prevé rematar o túnel de Lepanto “a finais deste ano ou inicios do 2022”

1 minutes read
De esquerda á dereita, Javier Pardo, David Regades, Carmela Silva, Abel Caballero, María josé Caride e Elena Espinosa

O alcalde, Abel Caballero, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o delegado da Zona Franca, David Regades, e os tenentes de alcalde vigueses, Javier Pardo, Elena Espinosa e María José Caride, achegáronse este luns ao entorno de Urzáiz para pasar revisión ao estado de construción dos novos accesos que darán servizo á estación de Vialia.

En declaracións posteriores, Caballero explicou que xa está escalada a metade do túnel que unirá Lepanto coa AP9, e que substituirá ao paso elevado sobre Alfonso XIII, xa derrubado. Segundo avanzou, a data estimada de finalización do paso subterráneo é “finais deste ano ou inicios do ano que vén” e estase a perforar simultaneamente desde as dúas bocas: Lepanto e a autoestrada.

Esta nova vía de conexión baixo terra entre a cidade e a vía de alta capacidade foi licitada e está sendo executada polo Concello como parte do convenio asinado entre Vigo, Xunta e Goberno de España para dar servizo á nova estación de Urzáiz. O Concello contratou obras por valor de 11,8 millóns de euros, que inclúen o derrubo do último vestixio do scalextric na propia rúa Lepanto, o túnel de saída deste ata a AP9 e as conexións desde a autoestrada a Vialia e á estación de autobuses.