O Concello de Vigo propón á Xunta un novo convenio para o instituto de Navia


O alcalde da cidade, Abel Caballero, avanzou o envío dunha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar a construción do instituto de Navia. Co obxectivo de garantir unha rápida posta en marcha desta dotación educativa, a misiva inclúe un borrador de convenio que vai máis aló de recoller a cesión dos terreos e, polo tanto, completa con prazos e orzamento a proposta que a Xunta remitiu ao Concello a finais do mes de abril.

Segundo o documento enviado a Alfonso Rueda, o Concello comprométese á poñer a disposición da Consellería de Educación os terreos ao día seguinte desde que a Xunta os ceda e, por outra banda, o goberno autonómico debe comprometerse á redacción do proxecto e á execución das obras no menor tempo posible. Con ese fin, o convenio establece unhas anualidades obrigatorias que permitirían que o centro educativo estea operativo no ano 2025. O importe da construción estaría fixado en 12 millóns, recollendo a cantidade que anunciou o propio conselleiro de Educación nunha visita a Navia.

O Concello xa enviara unha proposta de colaboración para a construción deste instituto hai dous anos, tal e como lembrou Caballero en rolda de prensa. A este respecto, engadiu que falta de investimentos da Xunta na cidade non responde nunca a que o Concello non facilitara terreos para tal efecto. Como exemplos, referiuse ao centro de saúde de Bouzas, que arrancou 11 máis tarde de que o Concello cedera os terreos no ano 2008, ou a cidade da Xustiza que ía ser construída na rúa Lalín, para a que o Concello expropiou solo por 3,5 millóns de euros que finalmente a Xunta non utilizou.