O Concello de Vigo verifica cun simulacro a resposta de emerxencia no túnel de Lepanto


O goberno de Vigo debe aprobar e comprobar o Plan de Autoprotección na nova infraestrutura, antes de recibir oficialmente a obra, polo que este venres realizou un simulacro no interior do túnel que se iniciou co incendio dun vehículo e que funcionou “á perfección”. A medida é necesaria para poder abrir o túnel ao tráfico o vindeiro 12 de decembro.

Tal e como explicou, o implicado no incidente activa a alarma utilizando un dos postes SOS existentes no túnel, a chamada chega á central de comunicacións da Policía Local, que avisa da emerxencia ao 112 e ao servizo de Bombeiros, e ao mesmo tempo despraza as unidades que resulten pertinentes para que avalíen as primeiras medidas de auxilio ás vítimas e de control do tráfico da contorna. Ao mesmo tempo, entra en funcionamento a Policía Local a través do aviso da Sala de Control de Tráfico. O incidente detéctase, de forma automática, polos dispositivos electrónicos existentes, o que dá maior seguridade, e así é como se activa a emerxencia, a través do cable de detección de incendios e o software de xestión do túnel que se executa de forma automática.

Póñense en marcha entón varias medidas: a máxima intensidade da iluminación do túnel en toda a súa extensión, activación simultánea da iluminación de emerxencia, activación do panel de información variable do tráfico existente na intersección de Urzáiz-Lepanto coa mensaxe de “túnel pechado”, aceso do panel do túnel na boca de entrada ao mesmo co sinal de aspa-frecha en vermello que indica a prohibición de entrada, a galería de evacuación activa un sistema de presurización impedindo a entrada de fume na mesma e, como elemento de peche de seguridade, báixase automaticamente a barreira existente na propia entrada do túnel.