O Concello de Vimianzo, a través dun comunicado, aclara a problemática respecto á prestación do Servizo de Axuda no Fogar no municipio, e que lembran que foi adxudicado polo goberno anterior hai máis de dous anos, nunha adxudicación na que soamente se presentou unha empresa, nesta caso a que actualmente presta este servizo.
Con todo, desde a administración local insístese en trasladar unha mensaxe de ‘total tranquilidade en tanto en canto ás garantías do servizo, así como a tranquilidade a todas as persoas usuarias e familias, que non van deixar de ser atendidas en ningún momento’, subliñan. ‘Non se lle debe ningunha hora á empresa adxudicataria’, destacan desde o Consistorio. O Concello de Vimianzo ten plena capacidade de, en 24 ou 48 horas, cubrir unha alta nova no servizo. ‘A importancia que para o goberno local presenta demóstrase con esta serie de datos, non con palabras’, insisten desde o goberno local.
Foi no ano 2018, concretamente o 5 de febreiro, cando o Concello de Vimianzo asina o contrato administrativo coa empresa Idade de Ouro, Servizos Sociosanitarios S.L. Neste, os prezos que ofertou esta empresa á administración vimiancesa foron: prezo por hora no SAF básico de 14,74 euros por hora de atención prestada; namentres, o prezo por hora no servizo por dependencia era de 13,94 euros por hora de atención prestada. A duración do contrato está fixada en 4 anos, con posibilidade de prórroga de 2 anos máis.
Feito moi importante tamén o é que hai máis de 100 persoas usuarias no servizo, polo que debería haber 2 coordinadoras diplomadas en Servizos Sociais, namentres que soamente existe a figura dunha. Desde o Concello, apúntase que ‘desde 2018, a necesidade de atencións a veciñas e veciños deste concello vense incrementando, sendo cada vez máis persoas atendidas dentro deste programa. En 2018, computáronse un total de 4447 horas, aínda que no propio 2020 ata o 30 de setembro computáronse un total de 5793 horas no SAF básico’, sinalan. ‘Na licitación sacáronse 2900 horas ao ano. A empresa ofertou un prezo de case o 10% por debaixo do prezo de licitación. A falta de previsión do aumento de horas ou da demanda do servizo cos anos, coñecendo que somos un concello rural cunha alta porcentaxe de xente envellecida, é máis que notoria’, comentan. ‘Queremos destacar, á súa vez, que non hai ninguén en lista de espera nestes momentos’, remarcan.
‘Desde o Concello de Vimianzo, a responsabilidade que temos agora mesmo é a de esixir á empresa que cumpla con este contrato, tal e como está redactado e nas condicións asinadas polo goberno que o contratou’, recalcan desde a administración local.