O Concello de Vimianzo colabora nunha xornada de sensibilización e recollida de residuos no río Grande

Vimianzo será escenario, o vindeiro sábado 14 de xuño, dunha nova actividade de concienciación ambiental enmarcada no proxecto Mares Circulares, cunha xornada centrada na recollida de residuos nas beiras do río Grande e na sensibilización sobre a problemática do lixo mariño.

A actividade, organizada coa colaboración da Asociación Chelonia e co apoio do Concello, comezará ás 09:30 horas cunha charla formativa na Casa da Cultura, onde se abordarán temas como a presenza e impacto do lixo nos ecosistemas acuáticos, a sustentabilidade, a economía circular e a correcta separación e reciclaxe dos residuos.

Tras a sesión formativa, ás 10:30 horas procederase ao traslado ao punto de recollida, situado na área próxima aos Batáns e Muíños do Mosquetín, onde se desenvolverá a parte práctica da xornada: unha recollida de lixo nas beiras do río Grande. Unha vez finalizados estes traballos, pecharase a actividade cun pequeno refrixerio.

As persoas interesadas en participar nesta xornada pódense inscribir previamente na ligazón habilitada. Recoméndase acudir con roupa cómoda e calzada axeitado, como zapatillas resistentes, botas de sendeirismo ou de auga, e que se empregue protección solar. Para garantir a seguridade, aconséllase non descalzarse. As entidades organizadoras facilitarán luvas, bolsas para a recollida e separación dos residuos, así como gorras para as persoas participantes.

Desde o Concello reafirman, con iniciativas coma esta, o seu compromiso coa defensa e coidado do medio ambiente, apostando pola educación ambiental como ferramenta para afrontar os retos actuais.

Related posts

Zas acolleu a presentación do libro “Que quede entre nós”

O Festival de Humor da Laracha regresará no mes de maio

A parroquia de Carballo cede un local á asociación Un Paso Máis para facilitar a súa actividade social