O Concello de Vimianzo impulsa un novo curso para erradicar a violencia de xénero coa mira posta nun protocolo de actuación común. Estos días persoas do ámbito educativo, servizos sociais e Policía Local acudiron ás aulas para participar nunha mesa de coordinación impulsada pola Administración local e impartidas por Xiomara Lazo, axente de igualdade do Concello de Vimianzo.
Reactiváronse estes órganos en 2019, con perspectiva de futuro e coas que se busca a implicación de toda a sociedade, dos ámbitos educativo, sanitario, asociativo, deportivo, cultural, forzas e corpos de seguridade do Estado, xudicial, etc.
Desta volta, as persoas que participan neste curso de cinco horas, tanto presencial como virtual, pertencen ao ámbito educativo, dos institutos e colexios locais, ademais de Servizos Sociais municipais e Policía Local.
O obxectivo principal é poder facerlle fronte aos casos de violencia de xénero de maneira coordinada, e por isto se lles fai entrega dun cuestionario individual para, cando se convoque a mesa inter institucional, se poidan poñer en común os datos obtidos e elaborar así unha diagnose para coordinar as accións de cara a chegar a un protocolo común de actuación.
A concelleira de Igualdade, María José Pose, avanza que “todas e cada unha destas accións teñen unha razón de ser, que non é outra que a concienciación sobre o problema social que supón a violencia de xénero e dotar a todos os estamentos sociais de ferramentas para poder freala, combatela e, nun futuro, poder erradicala das nosas vidas”.