O Concello de Vimianzo deu a coñecer este venres as novas rutas de sendeirismo ‘Os Segredos do Val de Vimianzo’ e ‘As Fervenzas e Muíños do Río Cambeda’, un itinerario acondicionado recentemente pola Administración local.
A presentación tivo lugar no Salón de Plenos do Consistorio, onde se deron cita a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; o técnico de Deportes, Víctor Santos e o mozo David Roget, veciño e descubridor de doce petróglifos ao longo dos trazados.

É a primeira vez que se realiza unha tarefa de sinalización desta envergadura, que repercute en máis de vinte puntos de interese patrimonial. A ruta de ‘Os Segredos do Val de Vimianzo’ presenta un trazado circular con inicio e remate na praza do Concello e inclúe, no seu percorrido, a ruta das ‘Fervenzas e Muíños do Río Cambeda’.
A primeira, presenta un desnivel de subida e baixada de 145 metros, unha distancia de 14,4 quilómetros e está previsto que se poida completar en 3 horas e 55 minutos. A segunda, contemplada dentro da primeira, ten un desnivel de subida e baixada de 125 metros e unha distancia de 3,6 quilómetros.
Trátase dun traxecto moi variado e atractivo, que mestura tramos urbanos, de monte e de río. Ao longo do seu percorrido poderanse observar as múltiples estacións de petróglifos descubertas polo veciño David Roget, a Cruz do Loureiro, o Pazo de Trasouteiro, a alvariza de Sansobre, a fervenza do Rego de Cubes, a Casa da Serra, a igrexa de Cambeda e as fervenzas e muíños do río Cambeda.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “a todo o persoal implicado neste proxecto, sobre todo ao técnico de Deportes, Víctor Santos; o mozo David Roget, o colectivo A Rula e o alumnado do obradoiro de carpintaría, sin os que non sería posible contar cun dos que, agardamos, se converta nun dos principais atractivos da Costa da Morte’, subliñou.
Pola súa banda, o técnico de Deportes, Víctor Santos, quíxose unir aos parabéns da alcaldesa e recalcou ‘a relevancia deste percorrido, no que se poderán ver puntos de gran interese e dos que ata agora non tiñamos apenas novas’. Nos seus agradecementos quíxose lembrar do traballo de Manuel Rial, técnico de Turismo, que contribuíu tamén ao desenvolvemento deste roteiro.
Por último, David Roget, o mozo vimiancés que descubriu ata doce petróglifos, declarou que ‘Vimianzo ten de sempre un patrimonio impresionante, pasando pola prehistoria, o medievo e a Idade Moderna e sin dúbida que as rutas que hoxe presentamos é o primeiro paso para que o noso municipio sexa referencia en toda Galicia’.