O Concello de Vimianzo e SEA retoman o contacto para impulsar o polígono industrial

2 minutes read
  • Na reunión tamén se abordou a inexistencia dun enlace que conecte o polígono coa «Vía de Altas Prestacións» da Costa da Morte

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a xerente de «Suelo Empresarial del Atlántico» (SEA), Beatriz Sestayo, reuníronse na mañá deste luns para avanzar na oferta de parcelas en dereito de superficie e analizar a necesidade de que dende a Xunta de Galicia se enlace a Vía da Costa da Morte co polígono industrial.

A rexedora e a xerente de SEA mantiveron reunións con representantes do tecido empresarial interesados no polígono. Sestayo incidiu no obxectivo de establecer parcelas en réxime de Dereito de Superficie, que permiten que o adxudicatario poida establecerse na parcela sen ter que mercala, polo que durante os primeiros anos tería que facer frente a cantidades que poderían rondar só os 100 euros ao mes e decidir a partir do quinto ano se facer efectiva a compra –con desconto parcial das cantidades abonadas previamente—ou ben seguir neste réxime ata 30 anos.

Doutra banda, nas reunións nas que tamén estiveron presentes o edil Miguel Ángel Pérez e o comercial de SEA, José Rey Hermida, abordouse a preocupación ante a inexistencia dun enlace, no proxecto presentado pola Xunta de Galicia de ampliación da «Vía de Altas Prestacións» da Costa da Morte, que conecte a estrada co polígono.

Por este motivo, Beatriz Sestayo e Mónica Rodríguez tamén se reuniron no Concello co representante da Plataforma Corredor Xusto, Miguel Queiro. A rexedora de Vimianzo amosou a súa «gran preocupación» pola ausencia desa conexión, de apenas 1,5 kilómetros, dentro do proxecto autonómico presentado recentemente e incidiu na súa trascendencia tanto para o polígono como para o desenvolvemento de Vimianzo.

Beatriz Sestayo anunciou que SEA formulará alegacións ao proxecto de ampliación da Vía de Altas Prestacións – plantexada para 5,8 kilómetros de corredor entre Santa Irene e a AC-432–, debido a que se trata dunha vía de carácter autonómico e na que a competencia é claramente da Xunta de Galicia. Ademais, ao estar rematado o polígono empresarial dende hai case 10 anos xa non se trata dunha competencia estatal.