O Concello de Vimianzo executará un parque infantil no lugar de Carnés, concretamente ao carón do cemiterio, co obxectivo de dotar dunhas instalacións lúdicas á veciñanza da zona.
Esta actuación será unha realidade tras aprobarse unha subvención de 33.879,99 euros por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a creación ou mellora das infraestruturas, instalacións ou equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Esta axuda é o 70% do custo total do proxecto, que ascende a 48.399, 99 euros. Este parque contará cunha área de xogos infantís, unha pista destinada a actividades nas que se use unha pelota e unha zona con equipamento biosaudable.
Contará cun pavimento continuo de absorción de impactos realizado ‘in situ’ e valado de aluminio en cores. A área na que xogar coa pelota será de formigón pulido e estará pechada con malla de simple torsión. Tamén se incorporarán elementos de mobiliario urbano como bancos e papeleiras.