A actuación, que conta cun investimento de 151.222,71 euros, céntrase na substitución completa da cuberta do edificio, actualmente moi deteriorada, o que provoca filtracións de auga e perda de confort térmico.
A nova cuberta estará composta por paneis tipo sándwich de aceiro prelacado con núcleo de poliuretano, mellorando de maneira substancial o illamento térmico e, polo tanto, a eficiencia enerxética do inmoble.
Ademais, instalaranse tramos con paneis traslúcidos para permitir a entrada de luz natural, reducindo así o consumo eléctrico durante as horas diúrnas. A intervención tamén inclúe a impermeabilización de zonas de cuberta plana con poliurea, garantindo unha protección duradeira fronte á humidade e ás inclemencias meteorolóxicas.
O Concello continúa, así, apostando por unha xestión sostible, favorecendo edificios municipais máis confortables, funcionais e respectuosos co medio ambiente.