O Concello de Vimianzo inicia o proxecto de rehabilitación do paseo de Cereixo

Obras Cereixo_Concello de Vimianzo

  • O obxectivo desta intervención é solucionar os problemas de inundacións durante a época de chuvias

O Concello de Vimianzo comezou este mércores o proxecto de reparación e rehabilitación do paseo de Santiago de Cereixo. Estas obras contan coa financiación da Consellería do Mar para estratexias de desenvolvemento local, alcanzando un valor estimado do contrato de 196.247,28 euros.

Actuarase en preto de 1380 metros cadrados, buscando dar solución a un dos problemas de base que presenta esta zona: as frecuentes inundacións nas épocas de choiva e crecida. «A acontecida en decembro de 2018, exemplo, provocou danos catastróficos tanto na estrutura de practicamente todos os tramos do paseo como nos pavimentos de madeira», destacan desde a Administración local.

Debido a que o lugar é un espazo natural e etnográfico singular á beira do río Carnés, e albergando un castelo e unha fortificación que datan do século XVI así como a capela Románica de Santiago de Cereixo, desde o Concello buscan que «o impacto da actuación sexa mínimo». Por este motivo empregaranse materiais xa existentes na zona como a madeira de piñeiro para as varandas e revestimentos verticais, e o granito gris para a delimitación e os remates dos camiños.

O goberno local, neste senso, decidiu incluír unha serie de modificacións nalgún tramo e de maneira adicional, contemplando así o emprego da pedra en maior medida para acadar unha superficie ríxida e compacta que contribúa a minimizar o impacto de posibles futuras inundacións. O executivo presentou algunhas modificacións a maiores desta que non foi posible incluír por permisos patrimoniais.

Instalaranse novos modelos de luminarias para substituír ás actuais e farase o mesmo cos bancos e papeleiras. Recuperaranse os paneis informativos e realizaranse as pertinentes tarefas de limpeza previa. O proxecto inclúe, á súa vez, a inclusión dunha preinstalación da rede de saneamento que sirva ás vivendas ao pé da estrada DP-1603.

O edil de Obras, Miguel Ángel Pérez, salienta a importancia destas obras para dar solución a un problema «histórico» no paseo de Cereixo, moi castigada «polas inclemencias meteorolóxicas».