- O valor estimado do contrato ascende a 148.760,34 euros
O Concello de Vimianzo acabar de licitar as limpezas e reparacións urxentes nas 14 parroquias do municipio cun contrato que ascende a 148.760,34 euros.
Entre os labores que se realizarán, atópanse o servizo de saneamento e limpeza en áreas urbanas e rurais, desbrozamentos nas vías secundarias, servizos de reparación e mantemento nas estradas, servizos de mantementos de árbores, eliminación de maleza e poda, servizos de limpeza e varrido de rúas, limpeza e vaciado de sumidoiros, limpeza de pintadas e de aparcadoiros.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala que “trátase dunha partida moi importante do noso orzamento adicado a tarefas esenciais en todo o termo municipal, e melloraremos infraestruturas de cara á reapertura das condicións normais da vida, logo do estado de alarma”.
O prazo de presentación de ofertas remata o 6 de maio de 2020. A forma de adxudicación do contrato será o procedemento aberto e tramitación ordinaria no que todo o empresariado poderá presentar unha proposición. A adxudicación realizarase empregando unha pluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo.