Este proxecto, en fase de licitación, ten un orzamento base de 136.826 euros e empregarase na súa execución, formigón de 12 centímetros de espesor. Farase con cargo ó Plan Único da Deputación da Coruña.
Antes da pavimentación e nivelación en zahorra, levarase a cabo a canalización de 360 metros de tubaxe para a óptima recollida de pluviais e instalaranse 14 arquetas con sumidoiro, 3 pozos e tamén a preinstalación de 195 metros da rede de saneamento, cos seus 9 correspondentes pozos e acometidas domiciliarias.
Deste xeito, en futuras intervencións para a súa conexión coa rede existente nas proximidades do núcleo, esta instalación poderá entrar en servizo sen afectar ó novo pavimento. Tamén se instalarán 3 arquetas para a iluminación pública.
Completarán estas obras a execución de dous muros de granito, de 10 metros de longo e 2 metros de ancho, rematados cunha varanda metálica. Co obxecto de mellorar a circulación dos vehículos no interior do núcleo, está prevista a ampliación da vía co revestimento de 85 metros e a correspondente sinalización vertical.
O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, sinala que “dotaremos ao lugar de Romar dunha nova infraestrutura moi necesaria no devir diario da veciñanza, ademais da optimización das conexións urbano – rurais no noso municipio”.
