O Concello de Vimianzo presenta a programación de outono do Auditorio na Casa da Cultura


O Concello de Vimianzo presentou a programación de artes escénicas dos sábados de outubro a decembro no Auditorio da Casa da Cultura, que estará destinada a público adulto.

Nesta programación de outono o Concello achega a Vimianzo un total de 11 espectáculos, cofinanciados pola Rede Cultural da Deputación da Coruña e pola Rede Galega de Teatros e Auditorios Agadic da Xunta de Galicia.

Unha vez máis achegaranse a Vimianzo figuras da talla de David Amor, Susana Dans,Evaristo Calvo, Patricia Vázquez, Miguel Pernas,Toño Casais, Tamara Canosa, Artur Trillo e moitas outras figuras de referencia no teatro galego .

Dirixen estes espectáculos grandes nomes da Escena Galega como Candido Pazó, Quico Cadaval, Eduardo Alonso ou GonÇalo Guerreiro. A programación arrincará o 2 de outubro, co espectáculo teatral Soga e Cinsa a cargo de Aporía Escénica.


SOGA E CINSA, tríptico renacentista para 11 bruxas en 101min, aborda a Caza de bruxas en Europa nos séculos XV, XVI e XVII co obxecto de visibilizar o xenocidio que supuxo e a súa perversa conexión co desenvolvemento do sistema capitalista. Horror, humor, reflexión, plasticidade e emoción son as apócemas principais deste conxuro teatral. Un equipo artístico sólido formado por un elenco de once actrices, tres delas bailarinas, cunha longa traxectoria, implicación e calidade interpretativa.Numerosos son os aspectos que fan de SOGA E CINSA unha peza coa súa propia singularidade, valor artístico e relevancia no panorama galego, nacional e internacional.

O día 9 de outubro Talía Teatro leva a escena A parábola do angazo, unha comedia dirixida por Diego Rey e protagonizada por Artur Trillo e Toño Casais,na que os dous intérpretes farán unha viaxe pola historia da nosa lingua, a través dun diálogo fluído e cargado de humor, enlazando episodios do noso pasado para explicar o que sucede no noso presente.

Seguindo a liña iniciada en Bicos con lingua e Pelos na lingua volverá demostrarnos con esta nova proposta áxil e versátil, que a nosa lingua resistiu e resiste toda situación adversa.

O 16 de outubro será a quenda da compañía Elefante Elegante co espectáculo Dreaming Juliet inspirado na peza “Romeo e Xulieta” de W. Shakespeare para abordar a cuestión máis esencial da existencia humana: o amor, a paixón, a familia e a maternidade son os temas intrínsecos da obra e o teatro físico e visual a ferramenta da creación. A peza do dramaturgo inglés é un referente universal porque os seus protagonistas logo de amarse desenfreadamente teñen un funesto final. Dreaming Juliet pretende reflexionar sobre o futuro de Romeo e Xulieta caso non tivesen morrido. Que acontecería ao seu profundo amor se acabasen formando familia e tivesen que enfentar a rutina de tódolos días?

O día 23 de outubro será a quenda de Quico Cadaval que conta… Complexo de Edipo, un relato mítico que xa escoitaron oito mil colombianos e tamén tres mil setecentos africanos dos que tres mil eran canarios e no que o cómico de seguro arrancará risas do público.

Contraproducións recoñecida como unha das Compañías máis consolidadas de Galicia, achéganos a Vimianzo o 30 de outubro,Cigarreiras, unha gran produción con tres grandes importantes empresas teatrais do estado e na que comparten escena sete recoñecidas actrices: Susana Dans, Ledicia Sola, Ana Santos, Isabel Naveira, Tamara Canosa, Covadonga Berdiñas e Merce castro.

O Concello de Vimianzo acolle esta montaxe para conmemorar o centenario do pasamento da novelista Emilia Pardo Bazán e na que a compañía presenta unha relectura dunha das obras máis interesantes da autora: A Tribuna. A muller, o amor e os prexuízos de clase son os temas entorno ao que xirarán esta relectura, facendo fincapé no ambiente e primeiras loitas femininas das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña. E todo isto con un transfondo político onde se asiste ao ocaso dos Borbóns e á atribiulada proclamación da I República.

O 6 de novembro, Teatro da Ramboia, representa o espectáculo O meu mundo non é deste reino, é unha adaptación da “Farsa de Bululú” de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. A recuperación do título orixinal da obra serve para proxectar este laio silenciado no seu día. Hoxe, encabeza o espectáculo de novo para facer fronte a un pasado que insiste en repetirse. O Concello de Vimianzo colaborou coa Casa-Museo Manuel María no certame Manuel María de proxectos teatrais e o espectáculo gañador foi O meu mundo non é deste reino.

O 13 de novembro, será a quenda para a compañía Teatro do Noroeste coa comedia de profundo contido social Gloria Nacional . O espectáculo achéganos a unha reflexión sobre o mundo da arte e a súa influenza na sociedade e na política. Escrita e dirixída por Eduardo Alonso, Gloria Nacional conta con Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela.

No mes de novembro destaca o espectáculo Costureiras da compañía Tarabela Creativa dentro da programación especial para conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. As “costureiras” Ángeles Goás e Caxoto Díaz recrearán o quefacer das costureiras a través da narración oral, fiando unhas historias con outras. A vida das costureiras era a vida de mulleres en casas alleas mentres levaban a cabo a súa laboura. Era a vida nos camiños dunha casa á outra. Enriba das súas cabezas carregaban a máquina de coser e debaixo da máquina; mil cousas que pensar… mil cousas que contar.

Pecha o mes de novembro, o sábado 27, o coñecido cómico e actor David Amor e nesta ocasión presenta en Vimianzo Love está en el aire ,diversión garantizada no auditorio vimiancés.

O día 4 de decembro a compañía Xa universos de momentos achega a Vimianzo o proxecto artístico de danza dirixído por Xián Martínez Pioneras. Esta peza é a homenaxe ás pioneiras, ás que empezaron a loita pola igualdade e acompaña ás que continúan na loita e conmemora ás que non tiveron a oportunidade de vencer. “The power of women” vai ser interpretada por un equipo de nove magníficas bailarinas e entre elas 3 galegas. De maneira transversal nesa semana a compañía desenvolverá actividades específicas para achegar o mundo da danza aos escolares e a toda a veciñanza.

Pecha a programación de outono o 11 de decembro coa compañía Producións Teatráis Excéntricas que nos achega a Vimianzo a súa última montaxe Estrela do Día,unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor. A palabra poética dos códices foxe do libro e encárnase na escena. As personaxes saen das miniaturas medievais e chegan aos nosos días da man e do talento de Evaristo Calvo, Rocío González, Victor Mosqueira e Patricia Vázquez.

As representacións deste outono cultural ,destinadas a adultos serán os sábados ás 20:30h.e a billeteira abre unha hora antes do inicio do espectáculo.

Nesta tempada como novidade a venda anticipada será a través de www.woutick.es (gastos de xestión incluídos) ou na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres de 9 a 14 horas.

Estará á venda na Casa da Cultura un bono para os 10 espectáculos (non inclúe espectáculo de David Amor) por 37,50€ e haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados.

O prezo da entrada é de 5 euros (reducida 2,50 euros). O espectáculo de David Amor ten un prezo de 10 euros (venda en www.ataquilla.com). Para o acceso ao auditorio deberá cumprirse o itinerario seguro e a obrigatoriedade de máscara sanitaria.

O público infantil e familiar tamén terá o seu oco na programación Outono rebuldeiro, que se presentará nos vindeiros días.