O Concello de Vimianzo presentará alegacións ao proxecto eólico nos Penedos de Pasarela

Imagen de una zona de los Penedos_Ayuntamiento de Vimianzo

  • A alcaldesa, Mónica Rodríguez, asegura que “nestes momentos non existe ningunha autorización para executalo”

O Concello de Vimianzo presentará alegacións ante o proxecto de construción do futuro parque eólico Monte Chan, situado no emprazamento xeolóxico dos Penedos de Pasarela. Estes días, diversas asociacións medioambientais e centos de veciños da comarca mobilizáronse a través da redes sociais para loitar contra un parque que, de instalarse, faríao nunha zona declarada Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia no ano 2008.

O proxecto parece contemplar a instalación de aeroxeradores que forman parte dese futuro parque eólico e que quedarían dentro do perímetro dos Penedos. “Non podemos permitir que un área de tanta riqueza paisaxística e valor natural e social, así como a súa contorna, quede invadida polos muíños de vento” descata a rexedora de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quen ademais lembra que “non existe un plan sectorial aprobado, que é o punto urbanístico primordial sobre o que soster un proxecto así”.

O documento do inicio do proceso de avaliación do impacto ambiental do parque eólico Monte Chan, da empresa EDP, recolle que “mención aparte merecen Os Penedos de Pasarela”, contorna na que se emprazan os aeroxeradores máis ao sur da infraestrutura eólica. “Temos que evitar a toda costa os danos que ocasionarán estas instalacións nunha paisaxe como a dos Penedos de Pasarela; xa non só a propia colocación destes elementos, senón todo o que conleva, xa que se tería que adecuar o terreo para facer isto posible, algo que consideramos inviable”, trasladan desde o goberno local.

“Imos a loitar onde faga falta para que non se leve a cabo o parque eólico”, sentenza a rexedora, quen traslada aos veciños que o Concello xa está realizando alegacións relativas á avaliación sobre o impacto ambiental nesta zona. “Neste momento non hai nada autorizado”, subliña Mónica Rodríguez.

A alcaldesa lamenta que “se estea a enganar á veciñanza por parte dun grupo da oposición” e lembrou que durante os anos que eles gobernaron nunca se opuxeron a ningún parque eólico.